jjj
E todo foi unha festa, que acabou no Salgueirón, onde anter de comer se leu este comunicado:
Compañeiras e compañeiros:
A Ría de Vigo está a soportar permanentes agresións ó seu
equilibrio ecolóxico, e son moitos os proxectos que a ameazan. Proxectos tan
tolos como a ampliación do recheo de Bouzas , a
do porto de cruceiros de Vigo, un oleoducto no estreito
de Rande, ou o porto deportivo, con urbanización adosada, que querían facer neste mesmo lugar.
En cambio, as instalacións máis elementais
e necesarias permanecen no abandono: ningunha das depuradoras de augas
residuais das vilas que acabamos de percorrer, funciona con normalidade: nin en
Cangas, nin en Moaña, Vilaboa, Arcade, Redondela, Teis ou Nigrán. Por non falar
da de Vigo. Moitas industrias, carentes dun sistema de tratamento de residuos
propio, verten directamente nestas augas toneladas de contaminantes.
Por outra banda os continuos
recheos e os novos portos deportivos, cos seus espigóns de protección, mudan as
correntes, danando ou destruíndo hábitats mariños e entorpecendo a renovación
das augas da Ría, que é a súa forma de depuración natural.
Todo este conxunto de
despropósitos está a poñer en grave risco ós recursos pesqueiros e marisqueiros
deste Mar de Vigo, dos que viven 15.000 familias, e
que sempre foron, e deben seguir sendo, unha das nosas maiores riquezas. Non é
ciencia ficción nin alarmismo dicir que, máis pronto que tarde, os niveis de
contaminación poden chegar a superar en moitos lugares o permitido para a
comercialización en fresco dos productos.
Hai que lembrar que o
Tribunal de Xustiza da Unión Europea, impuxo unha multa de 20 millóns de euros
á Xunta de Galicia a finais do 2005, pola mala calidade das augas da Ría de
Vigo. Esta multa ven darnos a razón ós colectivos cidadáns, que levamos moitos
anos denunciando ante as nosas autoridades públicas, a súa política de
consentimento a todo o que empresas poderosas solicitan.
* * *
A Ría foi sempre, para os que
vivimos nela, un ser con vida propia, protagonista de moitas facetas das nosas
propias vidas. Tamén é unha paisaxe, a paisaxe da infancia, o primeiro universo
por nós coñecido, gravada no máis fondo de
nós e convertida en paisaxe interior
de cada un e cada unha.
Pero para outros é só un
escenario de negocios, un teatro para a especulación.
Velaí
páxinas enteiras de propaganda, pagadas cos nosos cartos, campañas electorais
de candidatos e candidatas.
O desmesurado crecemento das
instalacións portuarias (que en moitos casos disfrazan operacións claramente
especulativas alleas ás necesidades do porto como tal) non parece ter fin.
Toda a costa está sementada de
industrias e almacéns en primeira liña
do mar (cando non sobre un recheo) cuxa actividade non xustifica esa ubicación.
Estas empresas deberían trasladarse a un polígono industrial, evitando a contaminación
e deixando espacio libre para as actividades estrictamente portuarias nuns
casos, e para o disfrute e lecer da cidadanía noutros.
Lonxe disto, moitas empresas
privadas, coa complicidade da Autoridade
Portuaria, ven nestas augas solo barato para ampliar as súas instalacións
mediante novos aterramentos.
Só hai que recordar que miles de
metros cadrados do monstruoso recheo de Bouzas, que queren ampliar, están
ocupados por actividades tan alleas ó porto como as oficinas da Zona Franca de
Vigo, ou o depósito de coches de Citroën.
Para completar o triste cadro
non podemos esquecer o desorde urbanístico, froito da cultura do ladrillo que
nos asola. Se hai uns anos tivemos que enfrontarnos a unha terrible marea
negra, hoxe temos diante unha abominable marea gris, de cemento e de
especulación, que, desde Monteferro ata
o Salgueirón, nos infecta a todos.
Pero tamén temos hoxe, a pesar
de todo, motivos para a esperanza. Celebramos, con certo retraso, un ano de
resistencia dos compañeiros e compañeiras de Cangas, que están evitando coa súa
presencia aquí día tras día, a desfeita que outros proxectaron para este
Salgueirón que xa ocupa un lugar senlleiro na historia dos que defenden á
terra.
Recibide pois a nosa homenaxe, a
nosa admiración e solidariedade. Gracias a vos, aínda
hai vida nas augas do Salgueirón.
E dentro de non moito tempo,
estamos seguros, volveremos aquí nun
día radiante, para celebrar con vós a vosa victoria, para seguir xuntos dicindo:
Cangas non se vende, O Salgueirón segue vivo, non pasarán.
Por eso, desde este lugar
emblemático, queremos lanzar un fío de esperanza e resistencia a todos os
reductos do litoral galego ameazado, para xuntos e firmes defender o noso
patrimonio irrenunciable: a paisaxe, a vida e a identidade do noso pais, do
noso planeta.
Cangas, 2 de Decembro de 2006