Nos últimos días todo parecen boas noticias para Monteferro, para a súa conservación e protección como espazo natural. (Na foto, as Illas Cíes vistas desde Monteferro).
Primeiro foron as palabras dos responsabeis da Consellería de Medio Ambiente expresando a súa intención de que Monteferro fose integrado no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.
Máis recentemente, Monteferro aparece citado no documento das Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia (DOT) que a Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas acaba de facer público. Moi en concreto, ao falar de "Vigo-Pontevedra. A Metrópole das Rías Baixas", no parágrafo "O Sistema Verde Metropolitano", o cabo de Monteferro inclúese entre os "elementos singulares que, polo seu valor ecolóxico, deben ser obxecto dunha adecuada protección e mellora pois constitúen referentes de excelencia ambiental para o conxunto da metrópole".
De maneira que todo parece indicar que os desexos de moitas persoas, nomeadamente do Val Miñor e da ría de Vigo, poden chegar a ser unha realidade de prosperar estas declaracións de intención. Poucas reivindicacións en materia medioambiental tan sentidas coma esta de Monteferro, como así se ten demostrado con milleiros de adhesións e con mobilizacións nas propias rúas de Nigrán.
Desde Salvemos Monteferro saudamos estas boas noticias que confiamos sexan realidade máis pronto que tarde. Aí estaremos apoiando canto sexa preciso para conseguilo.
Lindísimo!
ResponderExcluirNo te prodigas mucho Manolo,buena noticia
ResponderExcluirUn abrazo desde Menorca
¿para cuando el Albariño?