Total de visualizações de página

sexta-feira, 11 de agosto de 2006

A NOSA CINZA




A NOSA CINZA








(Editorial de www.SalvemosMonteferro.ORG)





Dende
hai días pódese mirar ao sol cara a cara. Dende hai días a choiva que
cae en Galiza non molla. Dende hai días os galegos respiramos a nosa
cinza…



Nun desastre natural destas características o primeiro que un se
pregunta é ¿qué pasa? ¿Fallou a prevención? É claro que si, dirá un.
¿Fallou a estratexia de extinción? É claro que si, dirá outro. ¿É unha
campaña en contra do goberno galego? É claro que si, dirá o de alá e
aínda o de mais alá exporará outra serie de razóns nas que sempre atopará
apoios.


É evidente que nos atopamos ante a maior provocación de lumes da
historia da Galiza recente. Tódalas razóns que a calquera de nos se nos
pasen pola cabeza terán como mínimo parte de verdade.


Do mesmo xeito que cando o médico non é quen de dar coa causa do
noso mal e o único que fai é atallar os síntomas da nosa enfermidade e
non as causas, tamén semella desacertado que os “facultativos” do noso
rural adicáranse durante vinte anos a atallar as consecuencias dos
incendios e non as súas causas.


A política forestal en Galiza chegou ao seu día de exame final e este é o resultado.


Ouro verde



Incentivouse a plantación de miles de hectáreas cunha soa especie, o
culpable desta situación é claro. En Galiza chamouse “ouro verde” ao
eucalipto, unha especie subvencionada pola administración na política
de reconversión de terras agrarias. Non había máis que plantala e
esperar para facer millóns, era tan agradecida que unha vez cortada
volvería medrar. Ata tres veces pódese aproveitar antes de ter que
cambiala planta. ¿A quén lle amarga un doce? ¿Cómo non decidir unha
inversión duns cartiños para a xubilación?






Imaxes da desastre. LVG

Da noite á mañá Galiza apareceu chea de “ouro verde”. De súpeto
cando moitos galegos se refregaban as mans co diñeiro que tiñan
invertido no monte, empezaron a aparecer os problemas: o eucalipto xa
non era unha planta indemne ás pragas e enfermidades, o eucalipto
necesitaba de axuda para medrar. A administración púxose mans á obra e
gastou moito diñeiro en estudios e plans de accións encamiñados a
controlar a praga, para cando xa tiraran as conclusións os montes
galegos aparecían desolados, tal que ardesen. Os pequenos propietarios
desesperábanse facendo o que podían por salvar os seus catro
eucaliptos. A administración calaba: eiquí non pasa nada. Todo está
controlado. A especie empeza a perder o seu valor, xa non é tan doado
coma antes.


Nestas estabamos, cando coa absorción da papeleira de Navia, ENCE
quedou coma a única empresa que daba saída á madeira dos propietarios
forestais. Ou o tomas ou o deixas, teño miles de hectáreas de eucalipto
esperando por min. Os prezos caen en picado. Isto xa non é o que era,
entre desbroces, tratamentos e o prezo da madeira xa non compensa.
Comeza o abandono do monte, o principio do fin. Soamente o lixo, o que
non serve, se queima.


É tempo de facer POLÍTICA con maiúsculas, da que gusta mirar, da que
gusta escoitar, da que produce resultados. Fálase de terrorismo
forestal, actuemos polo tanto en consecuencia.


Unha actuación encamiñada a que o monte non arda ten que ser asumida
por todos. O sistema forestal débese planificar a medio e longo prazo,
non entra polo tanto nos catro anos de mandato dunha lexislatura. Para
facer unha política forestal de futuro ten que haber implicación de
tódalas partes, debe perdurar no tempo, non pode depender de decisións
partidistas. Logo non só os políticos teñen que tomar decisións do que
se debe facer en Galiza cos montes. Falamos dun sector de problemática
diversa no que hai moita xente implicada.


Abandono



O despoboamento e avellentamento do rural, alentado pola ausencia de
políticas firmes de desenvolvemento, provoca un abandono dos
aproveitamentos e usos tradicionais do monte que mantiñan á poboación
vencellada ás súas terras. A nosa mocidade busca o seu futuro nas
cidades e non sempre galegas, por certo.


Lembremos que Galiza ten aproximadamente 1,4 millóns de hectáreas
arboradas producindo o 40 % da madeira do estado español, mais non
existe unha industria galega do sector. Carécese da transformación e
elaboración dun producto final.


Tendo en conta todo o antedito non debemos esquecer que a natureza
se rexenera polo tanto estamos diante dun reto consistente en facer un
novo pais e unha nova era, estudiemos e apliquemos as conclusións:
creación dunha industria da madeira de aproveitamento sostible, futuros
montes con diversidade de especies, un rural que serva de esparcemento
e de medio digno de vida. Un agro e unha gandería compatibles e
vencelladas ao monte. En definitiva unha poboación libre das redes
caciquís e solidaria non soamente en tempos de desastre, capaz de
afrontar de modo conxunto proxectos cooperativos que constitúan outra
economía social viable.


Imaxes da desastre. LVG

A política forestal debe nacer do consenso entre todos os grupos
políticos, empresas, empregados e asociacións de propietarios
forestais, organizacións ecoloxistas e demais axentes implicados. O
resultado dunha única visión estámolo a sentir nestes días. ¿Será quen o
pobo galego de sentarse a falar e de actuar despois?


















Nenhum comentário:

Postar um comentário