Total de visualizações de página

terça-feira, 25 de abril de 2006

GALIZA LEMBRA OS MÁRTIRES DE CARRAL, Memoria dunha revolución frustrada



Pensaba escrever algo deste tema e Vieiros aforroume o trabalho.



O 23 de abril de 1846, despois dunha dura batalla que comezara en Montouto, Solís e o seu exército foron derrotados na compostelá Praza da Inmaculada polas tropas do Xeneral Concha. Tres semanas antes, comezara un levantamento en Lugo en contra do Goberno de Narváez, que non tardou en extenderse por toda Galiza. Pero neste día, logo de se rendiren, moitos foron desterrados e outros foron fusilados en Carral, de camiño aos xulgados da Coruña, tres días despois. Pasaron 160 anos, pero Galiza enteira segue a lembrar aos seus mártires e a homenaxealos.



A Concellaría de Cultura compostelá comezou co recordatorio deste episodio da nosa historia, e para facelo, optou polo lugar, a data e a hora na que se produciu o rendemento: o domingo 23 ás 19:00, a Praza da Inmaculada encheuse de lembranza cun discurso do concelleiro Néstor Rego, unha actuación dos violonchelistas Chelicia, e un recital de María do Cebreiro. Ademais foi presentada unha publicación que recolle aqueles feitos, e que será presentada oficialmente o 2 de maio, na Feira do Libro, polo concelleiro Néstor Rego e o historiador Xusto G. Beramendi.

Non lonxe, na Cacheiras onde a batalla comezou, a Asociación Vecinal Raviña Valdés de San Simón de Ons promoveu un achegamento entre o alumnado dos institutos de Cacheiras e Carral: uns 60 rapaces de Cacheiras depositaron unha coroa de flores a carón do monolito que lembra a batalla que remataría con levantamento, o mesmo domingo. Os de Carral farán o propio o mércores.

Nun camiño entre Carral e Paleo
Aqueles que se sublevaran na procura da autodeterminación, contra o Estado. Só puideron levar adiante o seu intento durante tres semanas: o 2 de maio, Miguel de Solís e Cuetos iniciou a rebelción en Lugo, e non tardou en extenderse por Compostela, Pontevedra, Tui e Vigo. O 15 foi celebrada unha asemblea en Compostela co fin de constituíren unha Xunta Suprema do reino de Galicia.

Pero o día 23 foron derrotados, e o 26, moitos deles fusilados: foi nun camiño entre Carral e Paleo, onde aínda hoxe están enterrados sen lápida. Esta data dos mártires galegos ramén é lembrada por varias institucións: A Real Academia Galega organiza para o vindeiro mércores 26 varios actos en lembranza dos fusilados. Xa o pasado sábado 22 un cento de veciños de Carral lles fixeron unha ofrenda floral aos "mártires da liberdade", e representaron a obra teatral de Manuel María Abril de lume e ferro.

A Real Academia comezará ás 11:30 a súa homenaxe, cunha recepción na Casa do Concello de Carral. Ás 12:15, o presidente Xosé Ramón Barreiro Fernández ofrece un discurso ao pé do Monumento aos Mártires de Carral. Depsois haberá unha sorprendente intervención plástica de Ánxel Huete no Campo da Feira, e á unha menos cuarto dará comezo un roteiro pola ruta dos Mártires até o cemiterio de Paleo, animada polo grupo de música tradicional Alén do Mar. Ao chegaren ao cemiterio, os asistentes farán unha ofrenda poética e floral aos Mártires, na que intervirán os académicos Xosé Luís Méndez Ferrín, Salvador García-Bodaño, Xesús Alonso Montero, e o recén incorporado Darío Xohán Cabana. A continuación, os alumnos do I.E.S. de Carral e Cacheiras realizarán unha ofrenda floral, mentres Susana Seivane interpreta a Marcha do Antigo Reino de Galicia.

Ademais Radiofusión, a agrupación das emisoras municipais galegas, realizará un programa especial divulgativo en torno ao tema. Poderá sintonizarse de 9:00 a 12.00 da mañá do mércores en Radiofusión Ferrolterra (107.7 da Frecuencia Modulada na área Ferrol-A Coruña) e de 19:00 a 22:00 da noite no circuíto galego das emisoras municipais.




3 comentários: