Total de visualizações de página

sábado, 1 de abril de 2006

"SALVEMOS MONTEFERRO" MANDOU UMA NOTA DE PRENSA OS XORNAIS GALEGOS, ELUCIDANDO A SUA POSTURA ANTE AS ULTIMAS NOVAS


Por se  non fose dabondo para que chegue ata o ultimo recuncho, os blogalegos podemos difundila


MONTEFERRO NON SE SUBHASTA


 


Como se da subhasta nunha lonxa de peixe se tratase, o proxecto de vía de circunvalación concebido para Monteferro por Deputación de Pontevedra, Goberno municipal de Nigrán e Comunidade de Montes de Panxón está sendo reprogramado á baixa, regateando metro a metro.


 


O movemento Salvemos Monteferro e a Asociación do mesmo nome recén constituída nacen da alarma social creada polo mencionado proxecto de vial e mais pola perda de masa forestal do monte provocada polas cortas salvaxes a que ven sendo sometido.


 


Os apoios masivos recibidos nestes dous meses escasos pola nosa campaña informativa evidencian o gran interés do pobo de Panxón, de Nigrán e de todas as persoas que tradicionalmente tiveron Monteferro como referencia recreativa e como símbolo paisaxístico, porque o monte non sufra ningún ataque aberrante deses ós que tan acostumados estamos por parte de autoridades e institucións sen conciencia ou, máis ben, coa conciencia de que todo debe ser urbanizado para maior beneficio de algúns.


 


Se unha rotonda de 36 metros de diámetro nun contorno forestal protexido é unha aberración, outra de 23 é a mesma aberración.


 


Para nós, o que ten que variar é a filosofía do proxecto: acondicionar os accesos actuais de forma respectuosa e adecuada, sen amplialos nin asfaltar tramos novos, resaltando, precisamente, o carácter de espacio natural do monte. Xusto o contrario do que Deputación, Goberno municipal e Comunidade de Montes pretenden, que non é outra cousa que un arremedo de bulevar urbano con farolas, rotondas, beirarrúas e dous carrís de circulación para un só sentido. E, tamén, traída de augas.


 


Asfalto, coches e farolas por todas partes, por toda a costa. Xusto tamén o contrario da protección que o monte necesita, como en toda Europa se practica. E logo o Alcalde di que Monteferro se pode converter en Parque Natural... ¿Parque Natural ou autoestrada?  ¿Viu algunha vez un Parque Natural?


 


Para levar a cabo o proxecto de circunvalación a Monteferro, aínda na versión suavizada de última hora, serán necesarios desmontes, movemento de terras e, por suposto, corta de máis árbores. Non queremos ver escavadoras devorando o monte.


 


Nin ten sentido nin é necesario: por que nunca houbo nin hai problemas de tráfico nin de aparcamento nin de seguridade vial en Monteferro. Non coñecemos accidente de circulación alí en moitos anos. Nunca houbo tal.


 


Ben se sabe que é práctica habitual nestes casos presentar un proxecto espantallo, esperar a contestación popular e, logo, diminuír a obra nuns pouquiños metros para que cole.


 


Salvemos Monteferro confía nos criterios que o actual goberno da Xunta de Galicia ven expresando publicamente e que aínda o pasado xoves explicitou no Parlamento de Galicia o presidente Touriño, de oposición á marbellización da nosa costa. “Debemos conseguir un gran pacto polo territorio que permita facer de Galicia un escenario de desenvolvemento sustentábel, de calidade de vida e de competitividade.” Ao tempo que avanzou tamén a creación dunha Axencia de Protección da Legalidade Urbanística que terá a función de paralizar os proxectos que se probe que contribúen á degradación do espazo costeiro.”


 


Confiamos tamén en que a Consellería de Medio Rural exerza as súas competencias con carácter de urxencia: as cortas “a dafeito” que se veñen realizando (non por entresaca) e o propio vial proxectado, entendemos, están na ilegalidade.


 


Calquera deixación de funcións ou de competencias sería interpretado como unha burla extemporánea para esta xeira de esperanza.


 


Varias denuncias foron interpostas por particulares e esta Asociación prepara tamén os recursos legais pertinentes, ó tempo que reclama e solicita a mobilización social ante os atentados que se veñen xestando e producindo en Monteferro.


 


No Val Miñor, a 30 de marzo de 2006.

Nenhum comentário:

Postar um comentário