
Veciños e veciñas, amigas e amigos:
 
 As AA VV estamos agradecidas por esta expresión pública e libre de rexeitamento deste Plan Xeral que se pretendía aprobar o pasado venres 2 de xuño. Sentímonos apoiados por todos e cada un de vós para seguir reclamando o que nos corresponde. 
 
Hoxe, 15 días despois de daquela revolta que espallou o nome de Nigrán arredor do mundo, moitas cousas cambiaron.  Saíu á luz moita inmundicia e os lobos xa empezaron a pelexar entre eles a dentadas.
 
Pero o máis importante, o que de verdade cambiou, é que agora saben que ninguén, nunca máis, poderá gobernar este Concello coma se fora a súa finca privada.
 
A pesar de todo, ese maldito Plan Xeral aínda non foi retirado.
O noso ánimo é seguir pelexando, e a vosa presencia aquí hoxe aínda nos anima máis.
 
Queremos que saibades que as vosas voces foron escoitadas en lugares tan distantes  como Xapón, Canadá, Irlanda, Noruega, Reino Unido, Dinamarca, Alemaña, e por suposto en todo o Estado español. De todos estes sitios nos chegan felicitacións e palabras de alento que queremos compartir con vós porque a vós van dirixidas. 
 
Curiosamente, aquí ó lado, o noso Alcalde resístese a escoitarnos e o único que nos ofrece é tomar nota das nosas suxerencias que posiblemente acaben na papeleira. O que nos ofrece, non o compromete a modificar nin un só punto do Plan Xeral que pretenderon aprobar. 
 
Así que estamos como hai 15 días. Xa entón reclamabamos que o Nigrán no que queremos vivir sexa o que figure sobre os planos. Un concello con vida propia, con servicios públicos, un Nigrán equilibrado en tódalas parróquias.
 
Un Nigrán pensado para vivir os veciños e veciñas e non un “Agregado Urbano Litoral” e residencial.  
 
Queremos ser un Concello, non unha sucursal. 
Pero sobre todo, o que non queremos, é ver convertido este lugar marabilloso que nos veu nacer, nunha froita podre da especulación urbanística e da corrupción política.
 
Por eso, ante a avalancha de presuntos delictos, de tratos de favor, de informacións privilexiadas e de inxustificadas recualificacións de fincas, esiximos a inmediata acción da xusticia, e declaramos publicamente, con toda a forza da nosa voz, que xa non nos queda unha pinga de confianza, de credibilidade, para eses que, nun mal día, moitos de nós votamos. 
 
Reivindicamos o dereito ó crecemento natural e sostible de todas as nosas parroquias. 
 
Desde o esquecido Chandebrito, para o que só gardan o regalo envelenado dun campo de golf, ata o Nigrán que queren asfixiar cunha enchente de ladrillos.
 
Non se resolven os problemas urbanísticos de Panxón, e queren destruír o espacio natural de Monteferro como destruíron  as dunas de Gaifar hai anos.
 
A Priegue e á Ramallosa queren partilos ó medio cun absurdo vial que non vai a ningures e Camos tamén quedaría roto e afogado. Nas Angustias un negocio para catro, e a total desolación para Parada. 
 
Por todo isto esiximos tamén a elaboración dun novo Plan Xeral, dende o consenso, o diálogo, o sentido común e sobre todo dende a absoluta transparencia, para que o nome de Nigrán quede limpo e non volvan resoar as voces que o cualifican vergonzosamente como a Marbella galega.
 
Queremos acabar agradecendo a presencia e a solidariedade dos que viñeron hoxe a apoiarnos desde outras vilas e lugares.
 Reciban eles tamén o noso ánimo. 
 
Porque a ameaza da especulación e o perigo de destrucción do noso patrimonio, non afecta só a Nigrán,  senón a toda a costa    e a moitos lugares do interior de Galicia.
 
 Sigamos coma hoxe unidos para defendernos de aqueles que, por un puñado de euros,  queren destruír a nosa paisaxe,  a nosa riqueza natural, a nosa forma de vida.
 
Moitas gracias a todos e todas.