Premio Miverva

Andrés Meixide González
Pablo estaba celebrando o seu corenta cumpreanos, bailando, bebendo... 
en resumo; disfrutando, cando de súpeto, sentíu como se esvaecía. Ao instante 
seguinte atopábase tendido nunha branda e confortable superficie, rodeado da 
máis absoluta escuridade. Intentou levantarse e deu unha forte cabezada contra 
unha dura e inamovible tapa que soaba a madeira, madeira de carballo. Unha 
intensa dor estendeuse pola súa columna vertebral coma unha praga de langostas. 
``Onde carallo estarei?´´ Tentou lembrar...; o último recordo que residía no seu 
aturdido cerebro era a de estalo a pasar moi ben na súa festa de aniversario, e 
agora alí estaba, quen sabe onde, atrapado e dorido. Comezou a palpar ao seu 
redor. Atopábase nunha caixa pouco máis grande que o seu corpo, tiña a cabeza 
apoiada nunha confortable almofada e estaba vestido cun traxe moi elegante, e 
seguramente tamén moi caro. Non recordaba estar vestido así, na festa levaba 
unha camiseta de manga curta e un pantalón frouxo. Entón caeu na conta. 
Atopábase nun ataúde! Comezou a asustarse. Que facía nun ataúde? ``Non estou 
morto, iso seguro´´ razoou sen moita convicción, pero entón, por que estaba alí pechado e non de festa coa súa familia e amigos?
 
``Será isto a morte? Unha eterna prisión de madeira?´´ Pensou na familia, os seus 
dous fillos e a súa muller. O seu fillo máis pequeno tiña catro anos, e a súa doce e 
inocente mirada facía emocionarse ao máis duro e negro corazón, podería algún 
día aprenderlle a andar en bicicleta? Seu fillo máis grande, porén, xa tiña 15 
anos. Preguntouse con certa melancolía se tería a sorte de atopar un amor como o 
atopou el, como a súa muller. Pensou nos miles de solpores gozados na súa 
engaioladora compaña, o vento axitando moi suavemente o seu pelo, o sol 
vermello arrincando do seu louro cabelo os reflexos máis fermosos, e os seus 
suaves susurros cativando o ouvido dun mozo namorado. Comezou a chorar 
desesperadamente. Pasaran moitos anos dende a última vez que chorara tanto. A 
branca almofada comezaba a mollarse coas bágoas dun home abatido cando 
reaccionou. Deixou de chorar. Intentou desesperadamente autoconvencerse de 
que non se atopaba nun ataúde, pero entón, onde?
 
Decidiu que se ía buscar unha posible saída era mellor non intentar saber onde se 
atopaba, unha idea absurda, pero ben acollida polo seu desesperado cerebro. 
Palpou os bordos da caixa coa esperanza de atopar unha forma de abrir a pesada 
tapa, mentres, a idea de atoparse nun ataúde ía aflorando na súa mente, inda que 
loitaba contra ela con toda a súa forza de vontade. Pasou unha hora aproximada 
na frenética busca dunha posible salvación, e a cada segundo que pasaba a 
desesperación ía medrando na súa mente. Rematou por derrubarse, a idea do 
ataúde invadiuno por completo, mais non intentou atopar o por que, simplemente 
berrou con todas as súas forzas. A histeria íase estendendo dende o seu cerebro, 
empezando nas mans e rematando nas pernas. Como se os movementos do seu 
corpo non foran dominados por el mesmo comezou a rabuñar na tapa da súa 
agobiante prisión e a coucear contra ela fortemente, a pesares da intensísima dor 
que isto lle producía. A cada rabuñada íanse esgazando a pel e as unllas dos 
dedos, facéndoo sangrar cada vez máis. Axitaba as pernas cunha forza 
impresionante, ata que golpeou brutalmente o xeonllo dereito contra a sólida 
superficie de madeira, provocado así unha dor incríble e punzante. A 
impresionante dor aturdiulle os sentidos e mareouno. Parou de rabuñar na tapa 
para tocar o inmensamente dorido xeonllo, descubrindo así que afundira a rótula 
co seu impetuoso golpe. Non remataba de crelo, atrapado nun ataúde, cun 
xeonllo roto e os dedos sangrando. 
 
``Que carrallo, total morrerei de fame ou de sede, de que se morrerá antes?´´ 
Pablo nunca se vira tan preto da morte, de feito, nunca pensara na posibilidade de 
morrer, aos seus corenta anos sabía perfectamente que era lei de vida, pero tan de 
súpeto... quedou calado, quedo. Lembrou. A súa vida comezou a debuxarse na 
súa mente acontecemento tras acontecemento, dende os seus primeiros recordos, 
ata a súa derradeira festa de cumpreanos. Lembrou con nostalxia o seu primeiro 
cigarro fumado, aqueles cigarros que lle roubaba a seu pai e fumaba cos seus 
amigos agochados en calquera parte, tamén aquelas revistas eróticas usualmente 
roubadas a calquera quiosqueiro, a súa primeira masturbación, a súa primeira 
relación sexual... Lembrou o enterro da súa nai, nunca vira na cara de seu pai 
unha expresión tan triste e pechada, esas expresións que non che deixan deducir 
o que pasa pola cabeza do seu dono, algo insólito nel, unha persoa normalmente 
forte e alegre, mais nunca superou a morte da súa muller. Un mes despois caeu 
terríblemente enfermo, vencérase ante a idade. Dous meses despois morrera na 
cama dun hospital, Pablo lembrou as súas últimas palabras: ``Non chores fillo, 
deixame marchar sabendo que non chorarás por min. Vouche dicir unha cousa, 
eu nunca crin na vida despois da morte, pero espero estar equivocado. Quero 
atoparme coa miña muller, quero volver abrazala.´´ Lembrou a voz do seu pai, 
unha voz rasgada polo paso do tempo e apagada pola agonía do seu último día de 
vida. ``Meu pai era un bo home´´ meditou mentres lembraba o tacto da súa 
rugosa e áspera pel, esa pel curtida por a experiencia e o traballo. Chorou. Pensou 
que chorar nese momento era estúpido, mais non parou. Sabía perfectamente que 
chorar, berrar, coucear e rabuñar non ía servir de nada, pero fíxoo de todos 
modos. Entre os estúpidos movementos bruscos que Pablo realizaba coa 
totalidade do seu corpo magoou máis o nocello e os dedos, e tamén magoou un 
cóbado e a fronte. Notaba a húmida calidez do sangue esvarando brazo abaixo, 
dende a punta dos dedos, ata chegar a mancharlle o peito. A dor que se extendía 
dende os golpes e feridas ata o resto do corpo estaba empezando a marealo. 
Lembrou a comida, non soubo por que, pero de súpeto a fame ocupou o primeiro 
lugar nos seus pensamentos. Tamén tiña sede. Pasar quen sabe canto tempo 
berrando sen parar secáralle tanto a boca e a gorxa que ao respirar notaba como 
se lle cravaran milleiros de cristalíños diminutos na irritada carne da tráquea. 
Intentou falar, sen saber se para falar consigo mesmo ou se para falar cun alguén 
imaxinario. As palabras non saían da súa boca, os insistentes intentos de articular 
algo que non soara coma un gruñido só lle provocaban máis dor e unha terrible 
sensación de impotencia. Inconscientemente volveu buscar na súa memoria. O 
primeiro que recordou foron as horas que tiña pasado na cociña da súa casa 
cociñando coa súa muller. O pensamento de non volvela ver, xunto co 
pensamento de non volver comer unha comida coma aquelas que facían xuntos 
golpeouno no máis profundo da alma coma un pesado martelo. A fame seguía a 
golpear o seu estómagocada vez máis forte, morrería de fame? ``Non, inda non 
teño a fame suficiente como para morrer´´, pensou, mais, como sabelo? Como 
podería saber canta fame se tiña cando chegaba o momento da morte? Pablo 
nunca antes morrera de fame... ao pensar iso entroulle a risa. Nese momento un 
chiste tan malo e falto de graza coma aquel produciulle moitísima graza. Riu e 
riu con sonoras gargalladas, sen case decatarse do estúpido que resultaba 
expresar tanta felicidade nunha situación coma aquela. Na súa mente espertou a 
idea de que estaba a volverse tolo, e isto produciulle máis graza aínda. Pouco a 
pouco as dores do seu magoado corpo, a fame e a sede foron invadindo de novo o 
seu angustiado cerebro. Parou de rir cun último son áspero e grave, pois o feito 
de pasar varios minutos sen parar de forzar a gorxa fíxolle sentir coma se lle 
arrincaran unha tira de cera da xa magoada tráquea. Rendeuse, antes era 
consciente de que non ía poder saír daquel oscuro habitáculo, pero aínda así non 
se rendera ante calquera posibilidade de fuxida. Quería relaxar o corpo, pero a 
dor non llo permitía, tensáballe tódolos músculos e facía que a dor non se 
limitara ás zonas feridas, senón que agora se estendía pola totalidade do seu 
organismo, aturdindo así os seus sentidos e mareándoo aínda máis. O mareo 
fíxose máis e máis intenso. Notou como se unha forte presión lle esmagara o 
estómago, e esta presión foi subindo ata atravesar a dorida gorxa, e comezou a 
vomitar a amarga bile que esperaba no seu interior ansiosa por saír. O feito de ter 
vomitado menguou aínda máis as súa forzas, e o seu corpo terriblemente ferido 
permaneceu inmóbil, sumido na mortífera calidez e suavidade do interior do 
ataúde. Notaba a dor con máis intensidade que antes, notaba a roupa e os brazos 
manchados de sangue, notaba a fronte e o cóbado mágoados e inchados, e a 
perna, simplemente non a sentía. O hedor e o calor que a bile derramada sobre o 
seu corpo lle producía facía moito máis insoportables os segundos, que cada vez 
pasaban máis lentos. 
 
Pablo tiña os ollos pechados, e dentro da escura prisión non había nin o máis 
mínimo atisbo de luz, no entanto divisou un poderoso resplandor, o resplandor 
máis potente que vira nunca. Notaba a forte luz, máis no cerebro que nos ollos, e 
esa luz comezou a desaparecer lentamente. Seguía notando dores por todo o 
corpo, e sentía unha suor terríblemente fría que o ía cubrindo moi rápido. ``Xa 
está, vou morrer.´´ seguiu escurecendo ata a súa totalidade moi lentamente, e a 
vida desprendeuse da alma, e voou, voou  moi lonxe do corpo, un corpo que 
permaneceu cuberto de sangue e bile ata a súa descomposición.
 
 
 
 
"Pensou nos miles de solpores gozados na súa engaioladora compaña o vento axitando moi suavemente o seu pelo, o sol vermello arrincando do seu louro cabelo os reflexos máis fermosos, e os seus suaves susurros cativando o ouvido dun mozo namorado"
ResponderExcluirQuanto mais profundo for o envolvimento, mais profundo será o sofrimento¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡
Que lindeza Andrés
Tila