Fonte: Vieiros
Hai 33
anos, a través das ondas de Rádio Renascença, no programa Limite, o
xornalista e poeta mozambicano Leite de Vasconcelos pinchou unha
canción ás 00.20: a voz de José Afonso entoando 'Grândola Vila Morena'
foi o sinal que agardaban os combatentes contra a ditadura para comezar
as operacións da revolución máis pacífica da Historia. O Zeca deixounos
hai vinte anos, pero a súa memoria aínda segue viva nunha beira do Miño
e na outra.
Lara Rozados - 12:07 25/04/2007
O aveirense José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos morreu con 58 anos,
vítima da esclerose, en Setúbal. Vinte anos despois do seu pasamento,
Galiza e Portugal seguen a lembralo como unha figura clave da Historia:
viviu o colonialismo feroz en Angola e Mozambique durante a súa
infancia, o salazarismo do seu tío Filomeno, con quen viviu en Belmonte
na súa adolescencia, e pronto contactou co fado en Coimbra. A miseria
dos arrabaldes de Porto, os poemas da resistencia antifascista e a súa
propia teima revolucionaria eran fonte de inspiración para compoñer
cancións, mentres seguía exercendo como mestre. O seu propio activismo
contra o réxime provocou a súa expulsión do ensino, e para sobrevivir
aferrouse ao que tiña: a música. Por volta de 1964, sae o disco Baladas e Canções. Comeza entón unha carreira que seguirá con traballos como Cantares de andarilho, Cantigas do maio, Venhan mais cinco, ou, xa despois do 25 de abril do 74, Coro dos tribunais. Así até Galinhas do mato, no 85, cando a súa doenza xa lle impedía cantar boa parte dos temas.
Grândola en Galiza
Antes de que Grândola
soase na Rádio Renascença, o 10 de maio de 1972, Zeca realizou a súa
primeira xira por Galiza. Un dos concertos foi no Burgo das Nacións
compostelán, e alí cantou por primeira vez os versos “Dentro de ti, ó
cidade, o povo é quem mais ordena”. O vínculo do cantautor coa nosa
terra foi sempre moi fondo: o seu último concerto en Galiza foi en Vigo
no 81, e alí, en Castrelos, xuntáronse catro anos despois milleiros de
persoas nunha homenaxe, co fin de recadaren cartos para axudalo a
loitar contra a súa doenza. O concerto rematou, como non podía ser
doutro xeito, con Grândola Vila Morena. Os beneficios foran destinados á Associação José Afonso (AJA). Emilio Cao, Luis Pastor, a coral De Ruada, Maria del Mar Bonet, Milladoiro ou Pi de la Serra fixeron a posteriori varias homenaxes, coordinados en gran parte polo cantante galego Benedicto, compañeiro de escenario en varias ocasións do portugués: a canción “Nosa Senhora da Guía” (podemos escoitala no blog
de Benedicto), popular a unha beira e outra do Miño, é resultado da súa
colaboración. dende o 74 distanciáronse (só no artístico) e Bibiano foi o novo compañeiro de Benedicto. Vinte anos despois do falecemento
do Zeca, aínda é lembrado con cariño polos que foron os seus
compañeiros e toda a xente á que lle chegou a súa mensaxe, tanto en
Portugal como Galiza.
Novas relacionadas
Compostela celebra o 25 de abril con cinema
Estes días contaremos cunha serie de proxeccións que nos achegarán á
lusofonía e ao propio 25 de abril: a Gentalha do Pichel presenta un
documental e...
A homenaxe a Zeca nas nosas pantallas
A noite do 25 de abril é a propia para gozar da retransmisión da
homenaxe ao Zeca Afonso que tivo lugar o pasado venres 13 de abril en
Pontevedra. A...
A VOLTA
Esta noite, tanto a TVG como a RTP emiten o concerto homenaxe que tivo
lugar hai unhas semanas en Pontevedra. Nel xuntáronse tanto artistas
galegos como dos países da lusofonía, do mesmo xeito que no 85 se
celebrara un concerto no que participaran mesmo representantes do Timor
Leste.
A REVOLTA
Ademais, podemos achegarnos de preto ao 25 de abril co documental 'As
armas e o povo', que proxecta o Cineclube de Compostela esta tarde na
Gentalha do Pichel, ou asistirmos a un ciclo na residencia
universitaria Monte da Condesa onde coñecer a represión da ditadura no
Brasil, o colonialismo en Angola e o máis novo do cinema portugués.
A REVIRAVOLTA
Tamén, a Real Filharmonía de Galicia inclúe no seu concerto no
Auditorio, este xoves 26, as Cancións portuguesas de Halffter e
Encruzilhada, do compositor Braga Santos, como homenaxe a este
trixésimo terceiro aniversario da Revolución dos Caraveis.
Manuel
ResponderExcluirAh grande Galiza, como vos estimo. Pelas vossas lutas, pela vossa maneira de estar no Mundo.
Obrigada amigo
Bjs
Estela