Fonte: www.vieiros.com
Este domingo 8 de abril conmemórase en todo o mundo o Día Internacional do Pobo Xitano, International Roma Day.
Esta data foi institucionalizada, xunto á bandeira e o himno xitanos,
no Primeiro Congreso Mundial Xitano que tivo lugar en Londres en 1971.
Un ano de avances para o pobo xitano
En
Galiza viven dez mil xitanos. Previr a exclusión e axudar á integración
das comunidades xitanas está entre os obxectivos do goberno, cara aos
que as secretarías de Benestar e Igualdade xa iniciaron plans concretos.
En Galiza, onde habitan
preto de dez milleiros de cidadáns xitanos, tamén se están a levar a
cabo diferentes medidas, impulsadas polas secretarías xerais de
Benestar e Igualdade. O novo Plan Integral para a Convivencia e o
Desenvolvemento Social do Pobo Xitano en Galicia, prevé o financiamento
de actuacións específicas de "intervención social para a atención,
prevención da exclusión e promoción das comunidades xitanas".
A Vicepresidencia e o Ministerio de Traballo financian de maneira
conxunta (60 – 40%, respectivamente) os proxectos desenvolvidos polos
concellos galegos para a execución deste plan. Neste senso, o Consello
da Xunta do pasado 25 de xaneiro, aprobou un investimento inicial de
máis de 22 millóns de euros para 2007.
Normalización social
Entre os seus principais obxectivos están: acadar o acceso maioritario
da poboación xitana galega aos servizos normalizados, así como o uso
adecuado dos mesmos; facilitar os procesos de erradicación do
chabolismo e o acceso a vivenda normalizada; favorecer desde o ámbito
socio-familiar a plena normalización do alumnado xitano; mellorar a
empregabilidade e a inserción socio-laboral da poboación xitana.
Ademais, vaise facer fincapé na promoción integral da saúde, sobre todo
no que se refire ao fomento da saúde reprodutiva nas mulleres xitanas,
e na mellora da participación social do colectivo xitano con, entre
outras cousas, coa celebración aberta de días sinalados para a
comunidade e con obradoiros interculturais de ocio e de lecer.
Ano de avances
Durante este último ano, producíronse relevantes avances para a
comunidade xitana no eido institucional. Así, tras ser aprobado polo
Consello de Ministros de Madrid o pasado 9 de marzo creouse o Instituto
de Cultura Xitana, e estabeleceuse o Consello Estatal do Pobo Xitano.
Ademais, as reformas estatutarias en Andalucía e Cataluña recoñecen a
contribución histórica do colectivo a estes dous territorios. O
Parlamento de Cataluña, con motivo do Ano Europeo da Igualdade de
Oportunidades para Todas as Persoas, redactou unha Declaración
Institucional, lida polo seu presidente en pleno o pasado 29 de marzo,
sobre "a persecución e o xenocidio do pobo xitano".
Garantías contra a discriminación
Os
problemas para o recoñecemento como minorías que sofre o pobo xitano
son comúns a diversos estados europeos. Nesa liña, a loita pola
superación de obstáculos para a integración social é un desafío que
envolve a comunidades xitanas en toda a Unión Europea. En 2005, a
Fundación Soros e o Banco Mundial apoiaron unha xuntanza internacional
para tratar o problema e buscar compromisos concretos da UE. Aló,
colectivos ciganos de toda Europa definíronse como "unha gran nación
sen fronteiras", ao tempo que lle pedían á ONU o recoñecemento da
condición de "nación non territorial".
A volta
A finais de 2005, a un mozo de etnia xitana impedíanlle en Galiza a
entrada nun local de copas. Ao resto de compañeiros de empresa cos que
saíra de cea deixábanos pasar sen problemas. O suceso foi cualificado
daquela de "acto intolerábel e inadmisíbel", desde a Vicepresidencia da
Xunta.
A revolta
O goberno galego anunciou daquela que no bienio 2007-2009 entraría en
funcionamento un plan de desenvolvemento e incorporación social do
colectivo xitano "co obxectivo de acadar a súa integración real na
sociedade".
A reviravolta
O éxito dun plan deste tipo dependerá dun compromiso social amplo para
acabar con situacións de intolerancia e erradicar estereotipos como "os
que identifican aos xitanos ou aos inmigrantes coa delincuencia e os
problemas".
Nenhum comentário:
Postar um comentário